Thursday 02 de May de 2024

Val do Dubra reparará a estrada que une O Castro con Arnexo e a vía de acceso ao Pavillón e ao campo de fútbol da Tilleira


Val do Dubra recibe do POST 2015 un total de 243.000 euros, dos que destinará 97.000 euros a gastos correntes

O Concello de Val do Dubra investirá 146.000 euros en afrontar diversas obras nas súas infraestruturas. Os proxectos, que foron aprobados en Pleno, figuran no Plan Provincial de Cooperación de obras e servizos de competencia municipal (POST 2015), serán executados xa a inicios do próximo exercicio. O POST 2015 destina a este concello un total de 243.000 euros.
Entre os proxectos aprobados figura a reparación e rehabilitación da vía que une as localidades do Castro e Arnexo, na parroquia de Rial. Esta obra requirirá 107.000 euros de investimento. O alcalde de Val do Dubra, Ramón Varela, destacou que “este proxecto é unha vella demanda dous veciños que agora faise realidade”. Explicou que consistirá, entre outros traballos, en darlle maior ancho á vía para facilitar a circulación de vehículos e peatoner. Entre as obras que se acometerán tamén figura o camiño da igrexa de Paramos, un camiño e contención de terreo en Gontar e un muro en Malvarez (Rial). Na zona urbana de Bembibre acometerase a reparación da vía de acceso ao Pavillón municipal e ao campo de fútbol da Tilleira. Esta vía é moi utilizada polos veciños de Val do Dubra xa que dá acceso ás infraestruturas que se utilizan para facer deporte e para asistir a celebracións. Todas estas obras que figuran no POST 2015, incluída tamén a reparación do camiño do Castro a Arnexo, suman un total de 146.000 euros.
A Val do Dubra correspóndenlle 243.000 euros procedentes do POST 2015. O 60 por cento deste montante destínao a obras. O outro 40% diríxeo ao financiamento de gastos correntes que o Concello de Val do Dubra ten previsto acometer ao longo de 2015. A cantidade destinada a gasto corrente será de 97.000 euros. O Concello de Val do Dubra incluirá estes proxectos no seu presuposto de 2015. E executaranse a principios dese exercicio.
O Pleno de Val do Dubra sacou adiante estes proxectos co voto a favor dos seis concelleiros do Partido Popular, a abstención dos catro concelleiros do grupo de non adscritos e o voto en contra do concelleiro do PSOE.
Fotografías. As dúas fotografías corresponden á vía que dá acceso ao pavillón municipal e ao campo de fútbol da Tilleira e que será reparada segundo reflicte o POST 2015.